O edificio municipal de Areal acollerá este xoves (11:00 horas) a primeira reunión da Xunta de Goberno Metropolitana, dando comezo ao funcionamento da Área Metropolitana de Vigo. Á cita non está previsto que acudan os alcaldes do PP, que xa abandoaron a asemblea constitutiva e consideran que houbo irregularidades.
O alcalde e presidente da Área Metropolitana de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores dos principais asuntos que abordará o goberno metropolitano, entre os que salientou os municipios que teñen solicitado o ingreso no novo ente administrativo, a solicitude a Xunta e Deputación para constituír o Comité de Cooperación, a constitución dos grupos políticos metropolitanos e as propostas para as vicepresidencias, ademais da designación da sede da Área e o informe sobre a elaboración do Plan Metropolitano Cuadrienal.
Sobre esta última cuestión, Caballero explicou que o documento trazará as liñas de actuación da Área Metropolitana para os próximos anos: «a Área Metropolitana de Vigo vai empezar a tomar decisións en favor dos cidadáns».