O obxectivo das mobilizacións, que consistiron nunha concentración diante do Marco para se trasladaren despois diante dos establecementos de Stradivarius e Bershka na rúa Urzáiz, é lograr equiparar as condicións laborais dos traballadores de todos os establecementos do grupo Inditex nas catro provincias, xa que até o de agora a dirección non está disposta a negociar un convenio de empresa.
As persoas concentradas berraron consignas como “Traballo en Inditex, non chego a fin de mes”, “Amancio millonario, dependentas en precario” ou “A igual traballo, igual salario”.
A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, afirmou que “o que se fai é pactar acordos en cada centro de traballo, e nós queremos que todas/os as empregadas/os teñan os mesmos dereitos”, aclarando tamén que a pasada semana se logrou a equiparación tanto en Massimo Dutti como en Pull&Bear, quedando unicamente Bershka, Stradivarius e Kiddy’s Class por conqueriren o mesmo trato.
A representante sindical lembra que no caso da provincia da Coruña conseguiuse un novo plus salarial e introducíronse melloras en cuestións como vacacións, licenzas, excedencias ou conciliación. “Cremos que é inxusto que no resto de tendas da provincia de Pontevedra non teñan estas mesmas condicións; é certo que teñen outras melloras, pero foron pactadas no convenio provincial e non con Inditex”, matiza Fernández.
Diante disto, os traballadores decidiron convocar unha serie de protestas para reclamar a equiparación que comezaron o pasado 10 de decembro en Vigo con concentracións ás portas dos distintos establecementos do grupo Inditex situados na rúa do Príncipe.
Este mesmo martes, ás 19.00 horas, decorrerá unha nova mobilización no Centro Comercial Travesía de Vigo para reivindicar a equidade laboral en Kiddy’s Class.