“Voume coa mochila cargada ao saber que iremos cubrindo de contido folios en branco e recuperar, así, anos perdidos para dar saída ás demandas máis importantes da cidadanía da provincia de Pontevedra”, declarou Silva, que fixo fincapé nunha “demanda fundamental” da provincia como é a conexión co AVE. “Levamos moito tempo pedindo a conexión con Ourense por Cerdedo xa que estamos a falar dunha provincia con moita importancia económica. Desde o 2015, o informe do impacto medioambiental do proxecto permaneceu pechado nun caixón e hoxe temos o compromiso de que este proxecto vai saír do caixón”.
Outra das cuestións que se abordaron foi o carácter transfronteirizo da provincia de Pontevedra e a importancia desta cuestión para o desenvolvemento de Europa. “Queremos ser o centro dunha grande eurorrexión e para iso precisamos unha saída ferroviaria polo sur que conecte Galicia co Norte de Portugal”. Nesta sentido, Silva demandoulle ao delegado do Goberno que “nas redes europeas de transportes se contemple esta saída sur para converter á provincia nun núcleo moi importante de desenvolvemento europeo”.
Xunto a estas demandas, a presidenta provincial tamén formulou cuestións pendentes como a A-57, a AP-9, a mellora da seguridade na A-55 no tramo entre O Porriño e Vigo e a solución dos puntos negros do Camiño de Santiago pola N-551 e N-550, para garantir a seguridade das peregrinas e peregrinos.
Ademais, Silva adiantoulle a Losada a necesidade de mellorar a sinalización de infraestruturas para mellorar a mobilidade como no caso do Castelo de Sobroso “que está mal sinalizado e que leva a erros que fan confundir á xente e que vaian en outras direccións. Xa no 2017 pedimos a mellora na súa sinalización e, ata o momento, non tiñamos reposta”.
Compromisos do Goberno
Pola súa banda o delegado do Goberno no Estado subliñou que o compromiso de Pedro Sánchez é “converter a Pontevedra nunha provincia máis habitable, con máis benestar e mellores infraestruturas e facelo colaborando, concertando, dialogando e acordando con todas as administracións, como a Deputación, que representa aos intereses das persoas da provincia de Pontevedra”.
Máis polo miúdo, Losada destacou que “como dicía a presidenta da Deputación, atopámonos en Pontevedra con páxinas en branco que temos que encher ao longo destes meses”. Neste eido, Losada referiuse a priorizar a liña de AVE Vigo-Ourense por Cerdedo e explicou que Sánchez xa amosou o seu compromiso para levala a cabo.
Losada subliñou que “temos que facer un esforzo, como o que está a facer o goberno portugués para a saída ferroviaria sur da provincia de Pontevedra e a súa conexión co Norte de Portugal, mellorar a seguridade na A-52, a circunvalación de Pontevedra na A-57 e a seguridade do camiño Portugués cara Santiago polas N-550 e N-551”.
No encontro tamén se trataron outros temas como a situación das persoas afectadas pola traxedia de Paramos en Tui e o estado da tramitación administrativa da petición de Declaración de Zona Afectada por Emerxencia de Protección Civil, así como o acceso peonil a Pontevedra desde o nodo de Bombeiros, ou a caducidade da concesión de Elnosa.