Representantes das organizacións que decidiron sumarse á mobilización compareceron no Concello de Redondela diante dos medios de comunicación acompañados do alcalde para lembrar que o conflito laboral que se vive en Pescanova por mor da renovación dos convenios colectivos dos distintos centros de traballo “ten un alcance social e humano moi importante xa que os traballadores ven ameazado o seu futuro dunha forma inxusta”.
Neste senso, lembraron que a dirección aprovéitase da situación económica xeral para aplicar recortes nos dereitos dos empregados, “o que constitúe un novo ataque contra o conxunto da clase traballadora”. É por iso que trasladan publicamente o seu apoio “moral e efectivo” a todas as reivindicacións do cadro de persoal da compañía de alimentación e fan un chamamento á veciñanza de Redondela a participar na manifestación.
“A crise que padece a empresa foi creada pola nefasta xestión dos seus directivos, mais agora pretenden que os que paguen sexan os traballadores; reparten as perdas entre todos, pero cando houbo beneficios non o fixeron”, critican.
Agardando unha resposta da mediación
Ao remate da rolda de prensa os representantes dos catro sindicatos maioritarios en Pescanova (CIG, CUT, UGT e USO) aproveitaron para lembrar que continúan ás espera de que a mediación laboral se pronuncie sobre a última proposta achegada polas partes o pasado martes. “Supoñemos que nos vindeiros días teremos unha resposta, xa que entendemos que o proceso non pode eternizarse”.
No caso de que unha vez analizadas as últimas propostas continúe sen pecharse un acordo para renovar os convenios as centrais convocarán novas mobilizacións, tal e como decidiron os traballadores na asemblea celebrada o pasado sábado 8 de abril en Redondela.