Desta volta, a acusación particular da empresa Electricidad EIP, en mans do daquela presidente da patronal Instaelectra, pide tres anos de cárcere e 3.000 euros de multa a un afiliado da CIG, acusándoo de vulneración do dereito ao traballo, entre outros supostos delictos.
Algo que, en opinión da central nacionalista, supón “unha petición desorbitada”, máxime cando se procura aplicar a lexislación máis dura, relacionada cos dereitos fundamentais, “por uns feitos que deberían estar xa prescritos”, sinalando ademais que a propria fiscalía solicita o sobresemento.
Denuncian, asemade, que a acusación incorre en numerosas contradicións, xa que durante os supostos feitos denunciados a empresa estaba completamente baleira, negando por tanto que existise ningún tipo de coacción, tal e como defende a patronal.
Coincidindo co xuízo, que comezou ás 12 da mañá deste mércores 30 de novembro na sala do penal número 1, ducias de traballadores concentráronse diante dos edificios da rúa Lalín para expresar o seu apoio ao compañeiro.
Entre eles o secretario comarcal da CIG-Industria, Xulio Fernández, quen avogou pola absolución do traballador, alén de denunciar que a patronal “utiliza a Xustiza como arma contra a acción sindical, mentres que en moi poucas ocasións se senta no banco dos acusados”. Subliñou, tamén, que, como no caso de Carlos e Serafín, “a CIG continuará sempre ao lado dos represaliados por loitaren polos dereitos dos e das traballadores”.