O grupo de ex empregados de GEA que asesora a CIG recibiu este mesmo luns un talón cos 144.000 euros que lle reclamaban a Pousa e a El Rocío, despois de que o letrado repartise os cartos unicamente entre os afiliados de CCOO e UGT. Deste xeito, este grupo de ex traballadores tería aínda pendente de cobro outros dous millóns e medio de euros que lles adebeda a inmobiliaria Subel.
Precisamente co obxectivo de reclamar o pago desta cantidade esta mañá desenvolveron unha concentración ás portas do Xulgado de Vigo, que vén de decretar a apertura de dilixencias tras a denuncia presentada pola CIG. As afectados despregaron unha faixa na que se podía ler “Inversiones Subel non paga. GEA solución” e permaneceron durante dúas horas facendo ruído con todo tipo de utensilios.
O secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, que acompañou as traballadores durante a protesta, amosou a súa satisfacción polo feito de que o ex persoal de GEA vaia cobrar parte da débeda e apostou por continuar coas mobilizacións até que ingresen todos os cartos pendentes. “O cobro desta cantidade foi posíbel pola actitude incansábel das ex empregados, que levan meses desenvolvendo protestas tanto en Vigo como na Coruña”, indicou.