Desde a sección sindical da CIG apuntan que Unísono, sexta no ránking estatal do sector dos centros de chamadas, «incrementa ano tras ano os seus beneficios a custa de recortar dereitos do persoal». Unha denuncia que se concreta «no incumprimento sistemático da lexislación, mesmo de sentenzas e acordos negociados coa representación dos traballadores/as».
Na convocatoria dos paros denúnciase «a vulneración da lei no tocante á contratación, dado que Unísono move o persoal desde empresas de traballo temporal á principal e viceversa», así como «o encadeamento de contratos que obrigan á denuncia constante ante Inspección para que as persoas afectadas logren a condición de indefinidas».
Indican, ademais, que a empresa «incumpre acordos xudiciais no tocante á publicación das vacantes, impedindo cambios de posto ou quendas, así como outros referentes a asignación de preferencias horarias por cargas familiares ou estudos». Alén disto, négase a cumprir o establecido tanto en convenio como en diversas sentenzas no que atinxe a permisos retribuídos e horas médicas.
Por último, salientan que nestes últimos meses «a empresa implanta de xeito unilateral un procedemento de vacacións que non se axusta ao acordado en sede xudicial, sen negociar co comité, e que dificulta as solicitudes ao non permitir introducir mediante o programa as diferentes casuísticas persoais».