A representación sindical dos empregados de Bosch apostou por organizar concentracións diante das tres sedes que a compañía ten en Vigo (na Avenida de Madrid e nas rúas María Berdiales e Barxa do Covelo) para amosar a súa oposición ao ERTE que a empresa comezou a aplicar o pasado 18 de febreiro e que se manterá oficialmente ata o vindeiro 31 de xullo.
De feito, xa tramitaron a presentación dun conflito colectivo contra unha medida que consideran innecesaria xa que a compañía ten 98 vacantes, “pero négase a recolocar o persoal indefinido se non pasa unha proba de perfís”, apunta a presidenta do comité de empresa, Laura Pérez Figueroa, da CIG. Ademais, Bosch levou a cabo 200 despedimentos entre o persoal de ETT dende o mes de decembro.
Lugares e horarios das protestas
A primeira das mobilizacións terá lugar este venres día 15 no centro de traballo da avenida de Madrid 183 entre as 13:30 e as 14:30 horas e no da rúa María Berdiales 20 de 15:00 a 16:00 horas. Para o xoves 21 está prevista unha nova protesta, nesta ocasión unicamente diante do centro de traballo de María Berdiales de 15:00 a 16:00 horas.
As mobilizacións continuarán o venres 22 na Avenida de Madrid de 13:30 a 14:30 horas, e no centro de traballo da rúa da Barxa do Covelo de 14:45 a 15:30 horas. A última delas será o venres 27 diante do centro de traballo de Bosch na Avenida de Madrid de 11:30 a 12:30 horas.