“Nunha situación de solvencia económica e financeira como a que atravesa o Concello é momento de facilitar o pago de impostos reducindo o esforzo económico que supón o seu abono”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Igrexas defendeu a implantación dun Plan de Pago Personalizado, fronte as actuais modalidades de fraccionamento que esixen criterios moi restritivos e que limitan o número de pagos. Ademais de ter que reunir unha serie de requisitos de renda, a día de hoxe as débedas de ata 500 euros só poden fraccionarse nun máximo de seis meses e as de 500 a 1.000 euros nun máximo de nove meses. Unicamente as superiores a 1.000 euros poden dividirse en doce meses ou máis en función da contía.
Por iso, o líder do BNG vigués propón xeneralizar a posibilidade de pagar en ata doce mensualidades os principais impostos e taxas (IBI, imposto de vehículos de tracción mecánica, taxa do lixo, etcétera). “A cidadanía está cumprindo coas súas obrigas, non hai motivo para non facer máis doado e cómodo o pago dos impostos e taxas municipais”, sostén.
Esta iniciativa, que xa se aplica noutros municipios, será trasladada dentro do conxunto de emendas que a fronte nacionalista vai presentar á proposta de Ordenanzas Fiscais aprobada polo Goberno e que prevé subas de ata o 2,5%. As emendas do Bloque daranse a coñecer en detalle a inicios da semana próxima, mais Igrexas xa anticipou que “defenderán avanzar cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta”.