«Estas emendas recollen as principais necesidades da cidade que son reiteradamente desatendidas pola Xunta do PP. Con elas queremos esixir a fin do abandono da principal cidade de Galiza e garantir o investimento que Vigo merece por parte do Goberno galego», resumiu Igrexas.
Pola súa banda, Luís Bará cualificou de «letal para Vigo» a década de goberno de Feixóo e criticou a «confrontación estéril e partidista» entre Xunta e Concello. O deputado nacionalista reiterou o compromiso do Bloque de seguir a defender os intereses da cidade tanto no Parlamento galego como agora tamén no Congreso. Nese sentido, advertiu de que o «rodete» da maioría absoluta do PP no Pazo do Hórreo non vai frear as nacionalistas para esixir que se atendan as necesidades das viguesas e dos vigueses. «No debate parlamentar o PP terá que escoller. Ou impón o seu rodete ou atende as reivindicacións da principal cidade galega», remachou.
Igrexas aproveitou para enviar un recado para a Delegada da Xunta en Vigo, afirmando que «o que precisan as viguesas e vigueses da Xunta non é que Corina Porro compita co Concello para organizar roteiros ou actividades de nadal, senón que se atendan as necesidades reais da cidade e que o Goberno galego deixe de virarlle as costas á cidade».
Emendas
O portavoz municipal do Bloque na cidade olívica destacou as principais propostas recollidas nas 29 emendas. No concreto, salientou as propostas que demandan un maior apoio fronte a situación de emerxencia laboral e produtiva e para combater a crise industrial da cidade, como son a posta en marcha do centro de reparacións navais ou un Plan comarcal de reindustrialización dotado con 3 millóns de euros.
Igrexas defendeu a «urxencia de reverter a política de recortes aplicados pola Xunta» que exemplificou nas emendas nas que se demanda a construción de 3 novas escolas infantís e unha residencia de maiores na cidade, así como a dun instituto en Navia. No ámbito sanitario, as nacionalistas volven demandar o aumento da partida orzamentaria para o novo centro de saúde de Bouzas, a posta en marcha de dous novos puntos de atención continuada en Navia-Coia e Teis ou a absorción de Povisa na rede sanitaria pública. Ademais, instan o Goberno galego a crear unha bolsa de vivendas para situacións de emerxencia habitacional.
As emendas nacionalistas tamén pretenden dar resposta a necesidades en infraestruturas como son o túnel de Xulián Estévez, a ampliación do túnel de Beiramar, a implantación do tren de proximidade e o reforzo do transporte marítimo de ría, aumentar en 2 millóns o investimento nos cascos históricos da cidade ou a posta en marcha dun servizo de autobús exprés ao aeroporto de Peinador como o que xa existe noutras terminais galegas. Outro dos reclamos é o de acondicionar o paseo marítimo da ETEA.
En relación á cuestión ambiental desde o Bloque propoñen un Plan integral comarcal de recuperación das zonas afectadas polos lumes, dotado con case 4 millóns de euros, o desenvolvemento do Campus do Mar ou a rexeneración integral da Ría de Vigo.
Críticas ao PSOE polos recheos
Pérez Igrexas aproveitou a rolda de prensa para valorar o Pleno que tivo lugar no día de onte. O edil nacionalista criticou con dureza a «posición cínica e covarde» do PSOE que cos seus votos tombou a moción do BNG, que recollía unha proposta da Plataforma de Defensa da Ría de Vigo, e que tencionaba que o Concello de Vigo se opuxese de maneira «clara e contundente contra os proxectos de novos recheos que promove a Autoridade Portuaria». «O PSOE quedou retratado, agora xa sabemos cal é a súa posición real sobre os recheos», afondo.
Igrexas ironizou convidando ao presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, a cambiar de carné. «Dado que o PP abstívose nunha moción que ía en contra dos recheos que el patrocina e foi o PSOE quen impediu que se aprobase, o que ten que facer é romper o carné do PP e pedir a alta no PSOE de Abel Caballero», afirmou.