Deste xeito, ambos quedarán sen actividade produtiva de calquera tipo e a factoría do Porriño será a única que manteña a súa actividade. “Ademais quedounos claro que non teñen ningunha perspectiva de futuro nin contan con carteira de pedidos, e anunciaron que os traballadores que están no ERE serán chamados segundo as necesidades de produción”, indican desde a CIG.
Segundo o sindicato, isto provocará un incumprimento do ERE, xa que «ningún empregado debe estar máis de 14 días ao mes en desemprego”, un feito que prevén poñer en coñecemento da administración competente.
A dirección tamén confirmou que renuncia a presentar o ERE extintivo, algo que para o comité demostra unha vez máis “a falta de criterio dos responsábeis da empresa, xa que primeiro apremiaban para presentalo e agora retírano sen que conste que teñan carga de traballo nin pedidos”.
De feito, a compañía, dedicada á instalación de tarima flotante, non conta con ningún cliente externo e acumula seis meses sen pedidos. “Os únicos traballos que se fan son para outras empresas do propietario de Maderas Iglesias ou da súa familia”, asegura a CIG.
Esixencias á Xunta
A representación sindical adiantou que os traballadores continuarán coa campaña de mobilizacións e coas xestións institucionais. Esta mesma semana presentarán novas mocións aos plenos dos Concellos nos que residen empregados de Maderas Iglesias solicitando o apoio das corporacións ás súas reivindicacións.
Igualmente, o comité reclama a intervención da Xunta e reitera a necesidade de que o goberno galego se implique canto antes para garantir a continuidade da compañía.
Segundo advirten, tiveron que solicitar por terceira vez unha reunión cos responsables autonómicos para que expliquen as xestións que están a facer co obxectivo de salvar a empresa, “porque seguen se comunicarse con nós para informarnos dos contactos realizados”.
Neste senso, sosteñen que cada día que pasa se fai máis urxente intentar atopar unha saída.