Conde participou na xornada Retos da Industria 4.0 na Automoción de Galicia, organizado por PSA Peugeot Citroën, o CTAG e Ceaga, e que serviu para compartir os últimos avances do tecido industrial galego cara este desafío. “É un proceso que non ten volta atrás, e do que depende o noso éxito: aqueles que non se sumen a ela, non perderán simplemente un pouco de competitividade, senón que quedarán fóra do taboleiro de xogo”, defendeu o conselleiro, que sinalou que nese traballo Galicia conta “cun líder de excepción, a propia planta de Balaídos”, que xa se está asomando ao que “será un dos cambios máis importantes que a factoría abordou nas últimas décadas”. Conde defendeu que a transformación da factoría, actuando globalmente sobre toda a cadea de valor, impulsando unha loxística ultraeficiente e, implantando a fábrica intelixente, contribuirá “de forma decisiva no traballo que Galicia está a facer para captar o novo modelo para Balaídos”.
A industria de compoñentes segue esa mesma dirección con varios proxectos xa en marcha, resaltou o conselleiro, “e a Xunta estará aí para camiñar da súa man cara a ese futuro”. Neste senso, e no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, Conde referiuse ao Concurso de ideas Industria 4.0, co que a Xunta apoiará 4 proxectos demostrativos de tecnoloxías da fábrica intelixente. É unha convocatoria que se abriu o pasado día 4, e que permanecerá aberta ata o día 26 de febreiro, na que poden participar consorcios formados por un organismo intermedio -xa sexa un clúster, un centro tecnolóxico ou unha asociación empresarial- e polo menos 3 pemes.
Os participantes deben presentar proxectos conxuntos para aplicar tecnoloxías da industria 4.0 ás empresas participantes, e os gañadores serán apoiados con 4 millóns por parte da Xunta, que se poderán complementar con outros instrumentos financeiros do propio Igape en función de cada caso.
Conde gabou a competitividade e flexibilidade do sector de cara a adaptarse a estes novos cambios, e referiuse ao papel clave que xogan Ceaga e o CTAG, que precisamente está a protagonizar varias das 6 unidades mixtas de investigación que a Xunta puxo en marcha no ámbito da automoción.
Tras a unidade pioneira, que uniu os esforzos do propio CTAG cos de PSA e o CIS Galicia para investigar os Interfaces Home-Máquina (IHM) ligadas coa condución autónoma, a Xunta sumou outros participantes, como o Grupo Copo, Aimen, BorgWarner, Viza e GKN Driveline. Na última convocatoria, PSA volveuse a asociar co CTAG para poñer en marcha unha instalación piloto que reflectirá a evolución cara á industria automobilística 4.0, abrindo novos camiños no ámbito da robótica.
O conselleiro incidiu na necesidade de non subestimar as capacidades da Industria 4.0, e neste senso resaltou un recente estudo alemán que no que as propias empresas xermanas calcularon que o salto á Industria 4.0 suporán, de aquí a 2020, unha mellora dos beneficios do 13,6% no sector da automoción; un 18% de mellora da eficiencia, e unha redución de custos dun 14%. As empresas de automoción alemás apuntaron tamén a que pasarán de ter dixitalizado o 19% da súa produción ao 84% nese mesmo período de tempo.
Unidade de acción en defensa do sector
Conde resaltou o traballo conxunto que supón o concurso de ideas como mostra da unidade de acción entre PSA, a industria de compoñentes, o CTAG e a Xunta, que calificou como “a verdadeira forza para enfrontarnos, xuntos, a calquera desafío que se nos presente”.
Neste senso, Conde lembrou que a automoción é o alicerce da economía galega, concentrando o 12% do emprego industrial, o 14% do PIB, e o 31% das nosas exportacións, cun tecido empresarial liderado por Balaídos, que con 407.000 unidades producidas en 2015 acaba de revalidar a súa posición á cabeza de PSA; e cunha vangardista industria de compoñentes que pecha a cadea de valor, e que exporta a 130 países de todo o mundo, asociada nun clúster que impulsa a competitividade galega.