Segundo informa a Confederación Intersindical Galega (CIG), a decisión de convocar esta folga indefinida adoptouse despois de catro xuntanzas entre as partes “nas que se constatou o inmobilismo da dirección á hora de negociar un novo convenio colectivo de empresa”, xa que a vixencia do anterior rematou o pasado 31 de decembro.
A CIG asegura que a compañía ofrece unha suba salarial do 1,5% no primeiro dos dous anos de duración do convenio e un 1% no segundo, aos que habería que sumarlle o 2,5% anual no que a Setex Aparki cuantifica o custe salarial que lle suporía aplicar o redución de xornada que establece o convenio estatal do sector.
Deste xeito, segundo as estimacións da compañía, a súa oferta sería do 4% o primeiro ano e dun 3,5% o segundo, pero os sindicatos consideran que a concesionaria está obrigada a aplicar a redución de xornada que establece o convenio estatal, que ten prioridade sobre o de empresa no caso da xornada e reducir así 50 horas anuais por empregado.
Máis descanso que salario
Os traballadores amósanse dispostos a asumir esta proposta e a rebaixar incluso a suba de soldos sempre e cando a empresa aplique a redución de xornada durante as fins de semana, “porque máis que salario o que precisamos é descanso”.
De feito, na plataforma achegada polos representantes sindicais a proposta pasa por aplicar unicamente un 1% de incremento salarial a cambio de reducir a xornada durante as fins de semana, “algo ao que a empresa se nega en rotundo a pesar de que aforraría un 0,5% de custe salarial”.
Como consecuencia, o cadro de persoal deu por rotas as conversas e optou por convocar unha folga indefinida a partir do vindeiro luns 14 de maio. Pola súa banda, a compañía solicitou a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, convocatoria á cal acudirán os representantes sindicais para intentar desbloquear o conflito.