O grupo municipal da Marea de Vigo pronunciouse este luns sobre o problema do Real Aero Club de Vigo, a que a Comunidade de Montes de Cabral deu un ultimátum para a compra dos terreos que ocupa. Considera a Marea que se podería facer unha taxación independente sobre o valor deses terreos no seu estado actual e «a partir de aí, contando coa participación do Concello como mediador, negociar tendo en conta, sempre, e de xeito primordial, a defensa dos postos de traballo e as posibles vías de solución. O que é inexorable, e que 25 familias que hoxe dependen economicamente dos seus postos de traballo no aeroclub non poden ser as que paguen as consecuencias deste conflito».
Ademais, a Marea de Vigo considera que os comuneiros deben ser conscientes da situación, posto que «as accións da súa directiva poden resultar determinantes no futuro destas persoas, alén do futuro que poden ter eses terreos».
O Grupo Municipal da Marea de Vigo pide que o goberno municipal reciba ao colectivo de traballadores e medie entre a empresa e a Comunidade de Montes co obxectivo de salvagardar os postos de traballo e apoia ao colectivo que este martes (12:00 horas) se manifestará diante do Concello.