A ferramenta, que se descarga de maneira gratuíta, inclúe unha información completa dos puntos de interese da cidade, compras, hoteis, restaurantes, eventos culturais e deportivos actualizados, festas e servizos públicos. Ademais, está en proxecto crear itinerarios que van desde visitas rápidas de só dúas horas ata rutas para dúas ou tres días onde, por suposto, destacan as illas Cíes e a ría de Vigo.
Igualmente, servirá para que os turistas ofrezan a súa visión da cidade e da súa oferta, pudendo así opinar sobre a súa visita. A idea é buscar a interacción «para seguir mellorando».
«En Vigo queremos estar cada vez máis preto do turismo, unha pata excepcional da nosa economía, e esta aplicación ten toda a información interactiva da cidade e a capacidade de xerar o retorno que nos axudará a seguir mellorando», asegurou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, este martes na presentación da ferramenta.
«O 90 por cento dos visitantes utiliza nas súas viaxes as novas tecnoloxías, hoxe é raro ver a un turista cun mapa de papel, por iso é esencial achegarnos a eles con ferramentas como esta», engadiu.
O presidente dos hostaleiros de Vigo, Jaime Pereira, salientou as boas expectativas do sector para o verán e explicou que o lanzamento da aplicación ‘Vigo Experience’ vai unido a unha páxina web e «á formación que daremos ás recepcións dos hoteis para que teñan un coñecemento máis profundo da cidade».
#VIGOEXPERIENCE-APP from Pumpun Dixital on Vimeo.