A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción pola “altísima” demanda que está a rexistrar a fortaleza tralo anuncio da súa reapertura. Este domingo celebrouse a primeira das xornadas de portas abertas “e foi un éxito absoluto, rexistrándose preto dun millar de persoas, con ata grupos de homes, mulleres e moitos nenos e nenas procedentes de Portugal e Alemaña”.
Estas xornadas continuarán os días 20, 21, 22, 24 e 25 de maio, coa posibilidade de realizar un percorrido polo castelo a través de visitas libres e guiadas. Para participar será preciso realizar unha inscrición previa a través do correo electrónico castelodesoutomaior@depo.es, xa que as prazas están limitadas a 22 persoas por grupo.
A Deputación de Pontevedra investiu na musealización do castelo 700.000 euros “para dotalo de contido, de historia e rigor pero tamén de vangarda, modernidade e novas tecnoloxías, á altura de calquera castelo de Europa ou de todo o mundo”.
De feito, o castelo conta con materiais explicativos interactivos, incluíndo sete audiovisuais, recreacións en 3D, un videomapping e tres caixas máxicas.