A representante provincial subliñou que “xa cando demos a coñecer as nosas previsións asegurábamos que existía incerteza debido ao anuncio dun tren de borrascas que ao final si tivemos e deixou choivas a maior parte dos días de vacacións. Comezamos coa cicloxénese explosiva Hugo e rematamos a semana con ata neve a 30 quilómetros de Pontevedra… E todo isto sumado a que marzo do 2018 foi o mes con máis precipitacións dos últimos dez anos, segundo as estacións meteorolóxicas da provincia”.
Con todo, “pese a estes factores negativos ao final superamos as nosas estimacións do 62% ata en máis de seis puntos, acadando unha ocupación final do 68,3% nos establecementos hoteleiros da provincia”.
Por comarcas, Vigo obtivo unha ocupación media do 61%, por riba da estimación prevista, que se situaba no 50%. O Morrazo superou ata en 15 puntos as estimacións efectuadas, chegando ao 59%. Pola súa banda, o Baixo Miño acadou un 65%, as comarcas do Condado e da Paradanta chegaron ao 80% e as do Deza e Tabeirós-Terra de Montes ata o 70%.
No caso da bisbarra de Caldas practicamente se cumpriron as previsións da institución provincial, ao obter un 85% fronte ao 87% que se agardaba. O Salnés obtivo unha ocupación do 58,13%, con picos do 60% en localidades como O Grove ou Sanxenxo.
Pola súa banda Pontevedra, cunha ocupación do 83,5%, “foi a comarca con mellores resultados da provincia. Incluso os propios representantes do sector sinalan que moita xente que tiña previsto acudir a outros puntos da provincia finalmente veu pasar os días ata esta comarca”, destacou Silva.
A presidenta da Deputación tamén deu a coñecer a variación interanual na provincia de Pontevedra destacando que, “se comparamos o mes de marzo do 2018 co mesmo mes do ano anterior, este ano os datos foron moito mellores xa que a ocupación foi tres puntos superior á obtida en marzo do 2017, é dicir, un 43% este ano fronte ao 40% do pasado”.