Silva puxo en valor a importancia das luces de Nadal na cidade de Vigo como un dos principais atractivos turísticos da provincia durante o pasado mes de decembro “que non só provocou un espectacular cheo na cidade viguesa senón que funcionou como tirón para toda a súa comarca e tamén para as máis próximas”.
De feito, a comarca olívica rexistrou unha ocupación media do 68% durante todo o mes, superando en 25 puntos os resultados do ano pasado, e chegando ao 74% en Fin de Ano e ao 55% en Nadal. Máis en concreto, na propia cidade de Vigo a ocupación media mensual foi do 87%, acadando no Nadal un 85% e en Noitevella un 95%.
Pola súa banda, no Baixo Miño acadouse o 38% de ocupación hoteleira, o que supón 12 puntos máis que no 2017, e sendo superada en Fin de Ano ata o 42% e en Nadal co 40%. No Morrazo rexistrouse unha ocupación do 23%, tres puntos superior á do ano pasado, superando o 30% en Nadal. Mentres, no Condado e na Paradanta a ocupación acadou o 21%, chegando ao 38% no Nadal.
Pola súa banda, o turismo rural acadou unha ocupación media na provincia durante decembro do 15%, “continuando así a tendencia alcista rexistrada nesta tipoloxía de turismo ao longo do 2018”. Ademais, a ocupación en establecementos rurais provinciais chegou ao 51% durante a Noitevella e ao 40% no Nadal. En canto ás vivendas turísticas, cun 60% de ocupación media, destacaron os destinos de Vigo e Pontevedra, que chegaron ao 100% de ocupación.
A presidenta da Deputación tamén aproveitou para poñer en valor que o Castelo de Soutomaior recibiu, dende maio do 2018, a preto de 30.000 persoas, o que supón un 15,4% máis de visitantes en 8 meses do 2018 fronte ao 2017.
Perfil do visitante
En canto ao perfil das persoas que visitaron a provincia, o 95% foron españolas de Madrid, Barcelona, Badajoz, Valladolid e Zamora. E o 5% foron persoas estranxeiras que viñeron dende Portugal, Francia, Reino Unido e Arxentina.
En xeral, o 50% das persoas que visitaron a provincia tiñan entre 35 e 60 anos e aloxáronse en hoteis entre 7 e 15 días. Amais, elixiron este destino pola oferta cultural e o 74% non estivera antes da provincia.