Durante estas xornadas, poderase degustar a lamprea na súa preparación máis tradicional, á bordalesa, a un prezo único por ración de 18 euros. A lamprea enteira terá un custe de 50 euros.
Os bares e restaurantes adheridos a esta campaña son os restaurantes Area Grande, Arruaz, Brétema, Camping Santa Tecla, Bar Casa Aquilino, La Pìzzicata, Marbella, Marusía, O Cangrexal, Os Remos e O Roxo. Dada a larga elaboración que precisa este manxar, aconséllase reservar o prato previamente nos restaurantes.
Tras catro anos consecutivos celebrando a ‘Ruta do pincho da lamprea do Miño’ esta nova iniciativa gastronómica nace da vontade conxunta de impulsar a gastronomía local e a súa riqueza, centrando os esforzos na exaltación dun dos manxares máis descoñecidos do noso río e indo máis aló dos pequenos petiscos.
Actividade con escolares
Dentro desta mesma campaña, o alumnado de 6º de primaria dos centros de ensino da Guarda participarán na xornada didáctica ‘Coñecedes a lamprea?’, unha actividade que xa se realizou o pasado ano como complemento á ‘Ruta do pincho’. Dada a boa acollida da proposta, os cativos repetirán a experiencia, na que poderán achegarse ás técnicas de pesca da lamprea no río Miño, agora en temporada.
Componse de dúas partes: unha primeira formación didáctica que se realizará na Casa dos Alonso, onde os nenos poderán coñecer máis polo miúdo a lamprea a partir dunha reportaxe audiovisual sobre a pesca desta na desembocadura do Miño. Contarán, ademais, co testemuño de pescadores, que explicarán a súa profesión mediante os aparellos de pesca que empregan e anécdotas do seu oficio.
Deseguido, o alumnado poderá elaborar na aula uns debuxos coa temática ‘Desembocadura do Miño e a lamprea’. Os traballos exporanse nos restaurantes e cafetarías adheridas á campaña durante a fin de semana gastronómica.