Carmela Silva recordou que se trata dunha liña de subvencións posta en marcha polo novo goberno provincial e que, dende a primeira convocatoria, suma cada vez máis concellos. “No 2016 beneficiáronse das achegas 35 concellos da provincia e o ano pasado foron 50 os que recibiron financiamento da Deputación para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención das violencias machistas”. Tamén destacou Silva a importancia de destinar as achegas aos concellos, “para que poidan impulsar e realizar actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria”.
A Deputación de Pontevedra subvencionará aqueles concellos que presenten proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista ou aqueles que leven a cabo iniciativas xurdidas dos acordos das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a violencia machista. Tamén serán obxecto de subvención os concellos que teñan desenvolvido proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas da violencia machista e programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades. Amais, esta liña de subvencións tamén achegará recursos para proxectos encamiñados á mellora da formación e orientación para o emprendemento e inserción laboral das mulleres, para accións e actividades encamiñadas á elaboración do Plan Municipal de Igualdade, para aquelas dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e a conciliación, para actividades de prevención e sensibilización no eido educativo dirixidas ao alumnado, profesorado e familias coa finalidade de dotar de estratexias educativas para o fomento da igualdade de trato e para campañas de difusión e sensibilización á cidadanía en materia de igualdade.
Os concellos interesados en optar por esta liña de subvencións para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención das violencias machistas terán de prazo 30 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO.