O Concello de Vigo ten cinco convenios con outras tanto entidades (Hermanos Misioneros dos Enfermos Pobres de Teis, Vida Digna, Banco de Alimentos, AFAN e Casa de Caridad) para paliar situacións de necesidade. «O obxectivo é reforzar os recursos de atención inmediata relacionados coa alimentación básica das persoas e familias mediante comedores sociais e programas de alimentos», sinalou o alcalde, Abel Caballero, este mércores durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación.
O acordo cos Hermanos Misioneros ascendeu a 57.000 euros e serviu para atender a 116 familias. Coa asociación Vida Digna firmouse un convenio por 45.000 euros e recibiron asistencia 1.388 persoas, mentres que con AFAN o acordo foi de 55.000 euros e atenderon a 2.720 persoas. Ademais, a través de Banco de Alimentos (43.000 euros) repartíronse alimentos a través de 200 asociacións e mediante a Casa de Caridade (23.000 euros) chegouse a outras 1.904 persoas.
«Estamos de forma permanente, en verán e inverno, na atención ás familias con dificultades», destacou o rexedor. Tamén sinalou Caballero que existen axudas a través de Xantar na Casa (orzamento de 70.000 euros), Axuda no Fogar (4,5 millóns), cheques sociais (2,1 millóns), albergue (800.000 euros), becas de comedor (2,5 millóns), Cedro (1,5 millóns) e Teleasistencia.
«O nivel de acción social e extraordinaria e está por riba dos 8 millóns de euros, todos os programas, excepto becas de comedor, están activos en verán e adicionalmente nos vindeiros orzamentos recibiremos axudas directas do Estado, a través da Secretario de Pobreza Infantil, para a atención aos máis pequenos», sinalou Caballero.