O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a xerente de Aspanaex, Beatriz Macías, participaron este mércores na presentación da nova edición da tradicional Marcha Aspanaex, unha rolda de prensa «importante» na que o rexedor quixo invitar a toda a cidade a participar e conseguir fondos para manter os servizos que oferta a organización para persoas con discapacidade intelectual.
Este ano, segundo explicou Macías, a Marcha presenta algunhas novidades. Mantén o seu percorrido habitual (nove quilómetros de percorrido con saída na Avenida de Castrelos e chegada no parque do mesmo nome) e os fondos se destinarán a manter a terapia de actividades acuáticas, moi importantes no desenvolvemento dos usuarios de Aspanaex.
O obxectivo da Marcha Aspanaex é dar a coñecer a Asociación e sensibilizar á cidadanía e institucións sobre o colectivo de persoas con discapacidade intelectual, para apoialos e avanzar na súa plena inclusión. No tocante a participación, a organización agarda chegar este ano aos 3.000 inscritos.
Os interesados en sumarse á Marcha teñen que adquirir o seu dorsal na web de Aspanaex ou a través de Ataquilla.com, cun prezo de tres euros para menores de dez anos e persoas con discapacidade e de cinco euros para o resto. Existe tamén unha fila cero para quen queira colaborar.