Cada alumno ten que buscar pequenos patrocinadores para facer posible o seu reto. Familiares, amigos, comerciantes do barrio e calquera persoa ou entidade que queira sumarse a esta iniciativa solidaria poderá facelo aportando unha pequena cantidade. As achegas serán de 20 euros, por todo o Camiño, ou de 0.20 céntimos, por cada quilómetro que se queira patrocinar.
Os alumnos farán o Camiño Portugués desde Tui ata Santiago do 17 ao 22 de maio en seis etapas. Esta é a primeira vez que se pon en marcha esta iniciativa no San José de La Guía. A directora do colexio, Teresa Pérez, sinalou na presentación que “é un proxecto moi ilusionante para o centro” polo que supón para a formación integral dos rapaces e tamén polo impacto que pode ter nas familias e no propio barrio de Teis.
Os nenos e nenas levan xa 10 días buscando patrocinadores e, segundo explicaron, a resposta está a ser moi positiva. O recadado será para a ONG Taller de Solidaridad, que desenvolve o seu labor a través de proxectos de cooperación ao desenvolvemento para mellorar as condicións de vida dos colectivos máis desfavorecidos, centrándose especialmente na muller, na infancia e na xuventude. Marta Bautista, coordinadora la ONG, indicou que o recadado será para construir unha nova aula de Secundaria no colexio da misión de Chiriaco, un centro que acolle a nenos e nenas de amazonía peruana de luns a venres.
O coordinador do Camiño Solidario, Santiago Domínguez, salientou que este tipo de iniciativas son moi importantes porque “estamos convencidos de que a educación e a formación teñen que ir máis alá das aulas”. A solidariedade, o esforzó, o sacrificio persoal e o respecto polo medio ambiente son valores que se fomentan con este proxecto, segundo dixo.
Teresa Pérez explicou que é “un proxecto integral no que están implicadas todas as áreas formativas”. Así en Educación Física están a facer unha preparación específica para o Camiño, nas asignaturas relacionadas coas Linguas leen textos sobre o Camiño e compoñen poemas e relatos curtos sobre a natureza, en Xeografía e Sociais estudan as singularidades das localidades polas que van pasar e a historia da peregrinaxe a Santiago desde a Idade Media e en Matemáticas fan medicións das distancias que van percorrer e o tempo que van tardar. No que atinxe a Relixión e Pastoral o alumnado traballa pasaxes do Evanxeo onde se poñen en valor o esforzo, o sacrificio e a solidariedade e en Plástica están a facer debuxos sobre a flora do percorrido e realizando as mascotas que levarán ao Camiño.