Salla sufriu un accidente de tráfico que lle provocou una lesión incapacitante. Para tratala debía someterse a un tratamento cirúrxico e asistencial de traumatoloxía e plástica que non era posible en Senegal, polo que entrou no programa da ONG para ser tratada en Galicia. Chegou a Vigo hai catro meses.
Os facultativos que a atenderon consideran que, tras as intervención e a posterior recuperación está xa en perfectas condicións e que pode regresar a Senegal. Por ese motivo, o Álvaro Cunqueiro organizou un agarimoso acto de despedida no que participaron o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, e membros do equipo directivo; a presidenta de Tierra de Hombres en España, María Antonia Jiménez; o delegado da ONG en Galicia, José Raúl Besada; o equipo profesional que atendeu á nena senegalesa no hospital e voluntarios da ONG. Ao acto tamén asistiron María José e Jorge que exerceron como familia de acollida da nena durante a súa estadía en Vigo.
A protagonista do evento, Salla, expresou nun perfecto castelán (cando chegou a Vigo so falaba en francés) “o agradecemento a súa nai polo apoio que lle prestou en Senegal para decidir acollerse ao programa e a satisfacción de haberse recuperado totalmente grazas aos profesionais sanitarios e a súa familia de acollida”.
No tratamento de Salla participaron profesionais dos servizos de Traumatoloxía, Cirurxía Plástica, Anestesioloxía, Rehabilitación e Pediatría do Chuvi. Rubial agradeceu “o compromiso solidario de todo o persoal que interviu no tratamento” e mostrou “a disposición do hospital a acoller novos casos”.
Jiménez, puxo de manifesto “o carácter solidario dos galegos”, e enfatizou “as excelentes cualidades profesionais e a experiencia do persoal sanitario, así como as instalacións de vangarda do Hospital Álvaro Cunqueiro”.
Acordo solidario
A Xerencia da área sanitaria de Vigo e a ONG “Tierra de Hombres” subscribiron o pasado mes de abril un acordo polo que a organización conta co Hospital Álvaro Cunqueiro para o programa de atención sanitaria a nenos e nenas africanos con patoloxías graves de traumatoloxía, que non poden recibir o tratamento necesario no seu país pola súa complexidade.
Salla é a primeira paciente que atende o Álvaro Cunqueiro grazas a este acordo, á que seguirán máis. A idea inicial é que o hospital vigués poida atender dous ou tres casos similares ao ano.
O acordo entre a EOXI de Vigo e a ONG permite a esta poñer en marcha os protocolos e autorizacións necesarios para o traslado da menor ata Vigo, a súa estancia na cidade, o seu tratamento no hospital e a posterior volta ao seu país de orixe. Son procesos administrativos que requiren o seu tempo porque están implicadas varias administracións.
Dispoñer de familias de acollida é un dos elementos fundamentais para o desenvolvemento deste programa solidario. Por iso, os responsables de «Tierra de Hombres» fan un chamamento a familias de Vigo, para que, se desexan participar neste programa solidario contacten coa ONG no teléfono 628 367 030 ou a través do correo electrónico: deleg.galicia@tierradehombres.org.