O salón de actos do Hospital Álvaro Cunqueiro serviu de escenario para a recepción oficial deste curso académico, nun evento que estivo presidido polo xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, Félix Rubial e polo coordinador de Docencia de Grao, José Ramón Fernández Lorenzo.
En xeral, na EOXI de Vigo hai un millar de alumnos e alumnas que están cursando estudos de distintas disciplinas nos centros sanitarios. Con esta nova promoción de Medicina que agora se incorpora, consolídase a capacidade docente da sanidade pública viguesa “xa que o feito de elixirnos para completar o grao é unha decisión voluntaria por parte dos estudantes o que indica que dispoñemos dunha organización sanitaria perfectamente preparada para ofertar unha formación practica de calidade”.
Para facilitar a integración ponse a disposición dos alumnos unha Guía de Acollida na que ademais de información sobre a organización e datos prácticos sobre o seu curso, este ano se incluíu un Decálogo do alumno en prácticas. O primeiro punto reza: “Ofrecer ao paciente un trato humano e procurar o seu benestar”.
23 profesores asociados e 505 colaboradores
Os alumnos de Medicina realizan o seu último ano nun hospital, cun curso práctico no que se lles imparte un programa docente baseado na rotación por diferentes especialidades médicas e cirúrxicas. A docencia deste curso será impartida por 23 profesores asociados e 505 colaboradores docentes da EOXI de Vigo.
En total, traballan sete materias: clínica médica, clínica cirúrxica, urxencias e servizos centrais, clínica obstétrica e xinecolóxica, clínica pediátrica, clínica psiquiátrica e medicina familiar e comunitaria. Durante este período lectivo, os alumnos fan un horario de 8.00 á 15.00 horas e tamén realizan gardas.