A posta en marcha deste servizo é unha máis das actuacións levadas a cabo no proceso de constitución de Unidade de Demencias que comezou a súa andadura a principios deste ano coa contratación dun neurólogo específico para este fin.
Este facultativo está a traballar, xunto con especialistas de Atención Primaria e de Psiquiatría e Xeriatría, na reordenación da atención a pacientes con sospeita destas enfermidades, co obxecto de ofrecerlles unha asistencia máis integral, áxil e humanizada.
Esta vía directa de derivación inicia a súa actividade no próximo día 1 de outubro nos centros de saúde de Pintor Colmeiro, Sárdoma e Mos.
Consulta de Alta Resolución
O grupo de traballo elaborou e consensuou os criterios de derivación prioritaria dos pacientes con sospeita de enfermidade dexenerativa, e estableceu os medios necesarios para garantir a eficacia desta nova modalidade de atención.
Un dos traballos previos requiridos foi a creación do circuíto para a solicitude de TAC de cerebro desde Atención primaria xunto coas outras probas complementarias necesarias, que farán que o paciente, cando sexa derivado ao neurólogo, xa estea ben orientado, cun diagnóstico diferencial e con todas as probas realizadas.
Deste xeito, na maioría dos casos, permitirá ao neurólogo nunha primeira consulta -consulta de Alta Resolución- realizar un diagnóstico de certeza e iniciar un tratamento. En consecuencia, axilízanse os tempos de espera e evítanse desprazamentos innecesarios destes pacientes ao hospital, favorecendo que o paciente se manteña na súa contorna, atendido polo seu equipo de profesionais desde atención primaria, o que redundará nunha mellor evolución a medio e longo prazo do seu deterioro cognitivo.
Con este obxectivo, estableceuse tamén unha vía de comunicación permanente para o seu seguimento compartido entre os especialistas de primaria e do hospital a través da e-interconsulta.
Ademais, está previsto a realización de sesións formativas e informativas, impartidas polo profesionais do servizo de neuroloxía aos médicos e enfermeiras dos centros de saúde, para resolver as dúbidas e posibles incidencias no desenvolvemento desta pilotaxe. Os dous niveis asistenciais disporán tamén dunha liña telefónica específica para a comunicación de todo o relativo a atención á demencia.
Incorporación de máis especialidades
O papel das especialidades de Xeriatría, Psiquiatría e Traballo Social na estrutura da Unidade de Demencias, ten en conta as características especiais destes pacientes, na maioría dos casos con idade avanzada, con comorbilidade asociada (pluripatolóxicos, plurimedicados…) e, ás veces, con severos condicionantes sociais.
A estrutura, na súa totalidade, ofrece unha abordaxe multidisciplinar e unha atención holística do paciente.