Segundo destaca a pediatra do CHUVI Cristina Durán,“os nenos con restrición de crecemento intrauterino son fetos que, por causa materna, fetal ou placentaria, non acadan o seu potencial de crecemento dentro do útero, polo que teñen un peso ao nacer menor do que lle correspondería para o seu grao de xestación”.
Este traballo de investigación -efectuado en colaboración do Hospital Sant Joan de Deu de Barcelona- incide no feito de que estes nenos con restrición de crecemento teñen problemas de aprendizaxe e de memoria na idade escolar. Deste xeito, moitos nenos con restrición de crecemento dentro do útero, unha vez que nacen, experimentan o que se denomina «Catch-up» -un aumento de peso acelerado durante os seus dous primeiros anos de vida-.
O estudo supón que o «Catch-up» é un mecanismo compensatorio do metabolismo para acadar o seu peso xenético axeitado. “Nós estudamos qué efecto ten este aumento de peso acelerado a nivel da aprendizaxe e a memoria do neno” engade a investigadora.
Modelo animal aplicado en ratos
Para iso, utilizouse un modelo animal de restrición de crecemento aplicado en ratos. Dito modelo animal estableceu un grupo de ratos aos que se lles nutriu ben cando naceron -que experimentaron o Catch up- e outros que non se lles nutriu tan ben e que non experimentaron dito aumento de peso acelerado.
Avaliouse a aprendizaxe e a memoria cun test xa feito para animais, e os resultados que se obtiveron revelaron que aqueles ratos que experimentaron o aumento de peso acelerado aprenderon moito mellor que os animais que non se nutriron ben, é dicir, tiveron unha melloría funcional.
A nivel biolóxico, o equipo de investigación deste traballo observou que a nutrición mellora a función sináptica, que é fundamental para a aprendizaxe e a memoria, dado que é unha interación celular entre neuronas mediante a que se leva a cabo a transmisión dos impulsos nerviosos.