Este traballo, cuxa autora é a enfermeira Purificación Mogollón Cardero, obtivo o recoñecemento, en forma de premio, no curso de Patoloxía Estrutural e Coronaria da Sociedade Española de Cardiología, recentemente celebrado en Barcelona. Na realización deste estudo, Purificación Mogollón conta co apoio do cardiólogo da Unidade doutor Víctor Alfonso Jiménez Diaz.
Este proxecto, o priemiro destas características que se realiza en Galicia, lévase a cabo mediante o estudo do comportamento en 200 pacientes. “De momento temos datos das probas en 50 pacientes, pero debemos de obter as conclusións antes do próximo mes de outubro”, afirma a autora do estudo.
O estudo iniciouse no mes de setembro pasado. “Pensei que podería utilizarse unha pomada anestésica na zona de punción para mitigar a dor no paciente e, ao mesmo tempo, evitar que se produzan espasmos na arteria radial no momento de iniciar o procedemento, o que o faría máis complexo porque obrigaría a cambiar á arteria doutro brazo ou incluso a usar a femoral”, explica a autora do estudo. Precisamente, unha das principais causas que provocan o espasmo radial é a punción inicial dolorosa.
Evitar a dor
O que se pretende demostrar co estudo é que a aplicación previa dunha pomada anestésica na zona pode contribuír a rebaixar a dor asociada á introdución do catéter e evitar o espasmo. “Para que o paciente perciba unha menor intensidade da dor pódese recorrer a distintas estratexias como diminuír o seu nivel de ansiedade, mediante a explicación do procedemento que se lle vai a aplicar ou utilizando medicación que lle axude a relaxarse ou un anestésico subcutáneo, pero tamén cunha pomada anestésica, que é o que queremos demostrar”, explica Mogollón.
O cateterismo cardíaco serve, entre outras cuestións, para coñecer a anatomía e a fisioloxía circulatoria, introducindo uns catéteres ata o corazón, así como para valorar a funcionalidade cardíaca, para observar posibles defectos conxénitos no paciente con problemas de corazón.
A vía radial, é dicir a través da arteria radial do brazo, aplícase desde mediados dos anos noventa. Pero hai supostos nos que non se pode utilizar. Un deles é o espasmo da arteria. “O que tentamos probar é a posibilidade de que a aplicación dunha pomada tipo ‘EMLA’ poida reducir a sensibilidade na zona e facilitar o procedemento”, insiste a autora do traballo. Trataríase dunha pomada similar á que se utiliza en Pediatría para as puncións lumbares nos nenos.
O servizo de Hemodinámica do Álvaro Cunqueiro é na actualidade referencia para a área sur da provincia de Pontevedra e para as urxencias que se producen na área de Ourense. Atende unha media de 15 pacientes diarios sen ter en conta as urxencias.