Gonzalo de Castro examinouse do citado “board” no ano 2012 e, desde entón, é un dos dous cirurxiáns de mama que hai en España con esa cualificación europea. Agora, a presidenta da división de cirurxía mamaria da Unión Europea de Médicos Especialistas (UEMS), a doutora finlandesa Marjut Leidenius, comunicoulle que foi seleccionado como membro do tribunal que examinará aos candidatos na convocatoria de marzo de 2016.
A UEMS é o organismo representativo das Sociedades Nacionais de Especialidades Me?dicas na Unio?n Europea. Na década dos anos noventa decidiuse a implantación de certificacións ou “boards” para unificar a formación e capacidades das diferentes especialidades, e acreditar como especialidades determinadas áreas médicas que en moitos países non están recoñecidas como tales.
A acreditación do “board” supón, na práctica, evitar que os profesionais que contan con esa acreditación teñan que facer probas de convalidación para exercer a súa especialidade noutros países europeos. En definitiva, é unha acreditación profesional que permite unha maior mobilidade de especialistas entre os distintos países de Europa, sobre todo nos que, como é o caso de España, non están recoñecidas.
500 intervencións anuais de mama
“Desde o ano 2012 formo parte do grupo de traballo da división de Cirurxía de Mama da UEMS. É un mérito, pero é o recoñecemento europeo ao traballo que facemos na Unidade de Patoloxía de Mama do CHUVI que, podemos afirmar, é referencia a nivel nacional en intervencións e reconstrucións”, afirma o doutor Gonzalo de Castro.
Na Unidade de Patoloxía Mamaria do Chuvi realizáronse 498 intervencións cirúrxicas no ano 2014, fundamentalmente cirurxía oncolóxica e reconstrutiva para tratamento do cancro de mama, e en menor medida para tratamento de patoloxía benigna.
En España, a cirurxía de mama non está recoñecida como subespecialidade ou área de capacitación específica, aínda que hai unidades con alta especialización nos grandes hospitais. Por iso é polo que unha forma de recoñecemento sexa precisamente o Board Europeo de Cirurxía Mamaria, que se implantou no ano 2010.
Gonzalo de Castro recoñece que “o máis importante é a labor de formación que aportamos no noso equipo multidisciplinar. Dende a creación da unidade en 2010 formáronse en cirurxía de mama médicos residentes de cirurxía e xinecoloxía da nosa área, doutros hospitais da comunidade, de fora de Galicia e tamén de Portugal”.
Esta Unidade tamén colabora coa Asociación Española de Cirurxiáns mediante a realización anual de cursos teórico-prácticos, e mediante un convenio do Sergas e do Chuvi coa Universitat de Barcelona, todos os anos acoden para formarse alumnos do Máster de Senoloxía e Patoloxía Mamaria desta Universidade (o máster de maior prestixio desta materia a nivel europeo).