Máis de medio cento de persoas, entre elas o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, participaron na concentración convocada polo comité de Povisa para denunciar a actitude que a formación conservadora ten con respecto ao preconcurso de acredores.
“Xunta, PP, a mesma merda é”, “PP culpable, Povisa responsable”, “O PP precariza o traballo en Povisa” ou “Onde están, que non se ven, os señoritos do PP” foron as consignas que máis se escoitaron durante a hora e media que durou a protesta.
A voceira do comité, María Xesús Neira, criticou que o PP estea a impedir que o cadro de persoal de Povisa teña unhas condicións de traballo dignas “e que os pacientes e usuarios poidan contar cunha atención da mesma calidade que a dos hospitais públicos”.
Tamén explicou que con estas mobilizacións pretenden reclamar unha solución ao preconcurso presentado por Povisa que remate coa incerteza que viven os empregados. Ademais, lembrou que cando a representación do persoal preguntou como ía repercutir esta situación nas condicións laborais “a nosa sorpresa foi que con toda claridade nos adiantaron que non ía haber subida salarial e que non se ían sentar a negociar un convenio colectivo que leva oito anos caducado”.
Protesta no Sergas
O argumento esgrimido pola empresa é que o acordo que está a negociar co Sergas “mantería as contas a cero, sen beneficios e sen perdas, algo que obviamente nós non nos cremos”. Diante disto, os traballadores non están dispostos a manter o convenio conxelado ata 2024 e reiteran, como así o manifestaron nas reunións, que no acordo final teñen que quedar recollidas as condicións laborais e salariais.
Isto suporía negociar o convenio, actualizar os soldos e que as persoas ás que se lles reduciu a xornada a 35 horas mensuais volvan ás 40. “En definitiva, o que pedimos é estabilidade laboral e a contratación de máis persoal, porque o actual número de empregados é insuficiente para atender as 139.000 cartillas”