A dirección da Área Sanitaria de Vigo dá un novo impulso ás actividades lúdicas dirixidas aos pacientes pediátricos do Hospital Álvaro Cunqueiro. Para iso asinou un acordo de colaboración coa asociación “Galiclown- Pallasos de Hospital”, algúns de cuxos voluntarios xa desenvolveron este labor no hospital en anos anteriores.
A Asociación, sen ánimo de lucro, ten como obxectivo dinamizar tanto as estancias ambulatorias como os ingresos dos pacientes en idade pediátrica. O seu presidente, Juan Adolfo Maguna (Pallaso Popín), asinou o acordo co xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña.
Todas as persoas que forman parte da iniciativa son voluntarios que están formados na dinamización de estancias hospitalarias e na relación con enfermos ingresados, sobre todo con nenos e nenas.
Inicialmente a asociación ten rexistrados 25 voluntarios, que participarán nas distintas actividades que se recollen no acordo asinado. Pallasos, magos, músicos, animadores e contacontos repartiranse as actuacións, que teñen fixado un horario e ámbito de traballo no propio acordo.
Aínda que o acordo inicial ten por obxecto o aspecto lúdico nas zonas do hospital directamente relacionadas con pediatría, non se descarta que se poida ampliar o seu ámbito de actuación a outros espazos e áreas hospitalarias, sempre de acordo coa dirección.
Humanización
O acordo subscrito enmárcase nas iniciativas de humanización que a Área Sanitaria de Vigo desenvolve nos distintos centros. A Primeira Liña do Plan Estratéxico da Área Sanitaria de Vigo é acadar unha Sanidade máis humana. Trátase de humanizar o coidado ao paciente en todo o proceso. De feito, son xa moitas as iniciativas levadas a cabo na área pediátrica, que abarcan desde a dotación de espazos específicos dirixidos aos nenos e a mesma decoración da planta de hospitalización, así como a un importante número de actividades, de distinto tipo, que se desenvolven nese espacio de maneira case que cotiá.
Asociación sen ánimo de lucro
“Galiclown” naceu o pasado mes de decembro e é unha asociación integrada por voluntarios que realizan visitas aos hospitais co fin de mellorar o estado emocional dos pacientes, especialmente nenos e nenas, e o dos seus familiares.
“A través da risa, da escoita, da maxia, das artes escénicas, da música ou do xogo, proporciónanse momentos de relaxación e desconexión na complexa situación do paciente, favorecendo o seu benestar emocional e psicolóxico, que é complementario á actividade asistencial”, explicou o presidente da asociación, Juan Adolfo Maguna.