A folga está convocada polas centrais sindicais UXT, CCOO e CIG, que decidiron manter os paros tras non ter ningunha noticia da patronal do sector, «que non mostra ningunha intención de abrir un verdadeiro proceso negociador que permita mellorar un convenio paralizado dende 2013», segundo denuncian fontes sindicais.
Na primeira xornada, a folga tivo un elevado seguimento, segundo os sindicatos, que explican que é moi difícil de cuantificar o impacto real da folga “tendo en conta que a patronal negouse en todo momento a facilitar datos dos número de empregados do sector”.
Con todo, poñen como exemplo o que sucedeu en Fátima, un dos hospitais máis importantes do sector, “onde o paro impediu o funcionamento normal do centro, con falta de actividade nos quirófanos e nas consultas externas”. De feito, moitos dos seus empregados sumáronse á concentración que se celebrou de 11:00 a 11:30 horas ás portas do edificio.
O empresariado do sector oferta para os anos 2014, 2015 e 2016 unha paga non consolidábel dun “ridículo” 0,65% e subas salariais para 2017, 2018 e 2019 do 1,25%, 1,50% e 1,50% respectivamente. As centrais consideran inaceptábel a proposta, ao igual que a actitude da patronal durante a negociación dos servizos mínimos da folga, xa que na xuntanza só participou o presidente do colectivo, “e para iso sen datos dos cadros de persoal das principais empresas do sector”.