As once intervencións que se practicaron corresponderon ao servizo de Uroloxía, e todos os pacientes, diagnosticados con tumores, foron derivados desde o Complexo Hospitalario da Coruña (Chuac). En concreto, operáronse nove neoplasias malignas de próstata e dúas neoplasias malignas de vexiga.
Segundo informou o Sergas, o Chuvi non tivo necesidade de derivar a ningún paciente a outra área sanitaria, xa que todos os supostos que contempla o Decreto de Garantías resolvéronse en tempo e forma. De feito, da aplicación do mesmo beneficiáronse 5.864 pacientes da área de Vigo desde xaneiro ata finais de xuño deste ano.
Do total dos pacientes beneficiados no Chuvi, 1.164 o foron en cirurxías; 2.167, en consultas de especialista; e 2.533 en probas diagnósticas.
En Galicia
As cifras a nivel galego indican que os pacientes beneficiados no primeiro semestre do ano foron 21.792. Isto supón que o 26,9% dos beneficiarios galegos foron da área sanitaria de Vigo.
A porcentaxe de cumprimento dos supostos do Decreto para operacións cirúrxicas foi do 100% na área sanitaria viguesa, lixeiramente por encima da porcentaxe global de Galicia, que quedou nun 99,12%.
A mesma comparativa prodúcese no que se refire a consultas e a probas diagnósticas ou terapéuticas. Así, a porcentaxe de cumprimento en consultas en Vigo foi dun 98,80%, mentres a media galega situouse nun 98,77%. En canto a probas diagnósticas, o decreto cumpriuse en Vigo nun 99,45% fronte ao 99,3% da media galega.