Nestes contedores de aluminio, no que se transporta o instrumental esterilizado, detectáronse unhas partículas brancas, que nestes momentos -en coordinación co servizo de Medicina Preventiva do Chuvi- están sendo analizadas por un laboratorio especializado en metais e pola propia empresa subministradora dos mesmos. Estes contedores foron adquiridos hai dous anos, como parte da renovación do equipamento con que foi dotada a nova Central de Esterilización
Por este motivo, como medida preventiva, e “facendo prevalecer o principio de máxima seguridade para os pacientes”, a dirección da EOXI decidiu priorizar toda a actividade cirúrxica urxente e aprazar algunhas intervencións programadas mentres non se arranxen estas incidencias. Así, este mércores adiáronse 7 intervencións non urxentes e na xornada do xoves 25 das 103 programadas (un 24%), que serán reprogramadas para os próximos días.
Outras das medidas que adoptadas foron a utilización de contedores alternativos (non de aluminio); o empréstito de colectores por parte doutros centros sanitarios; e a utilización doutros soportes substitutivos das caixas como o “embolsado” do instrumental en bolsas estériles. De ser preciso, tamén se recorrerá á esterilización transitoria do material noutros centros.
“A nova Central de esterilización do Meixoeiro, que fará no próximo mes de maio dous anos da súa entrada en funcionamento, está acreditada coa ISO 9001-2000 de calidade, sendo o único complexo hospitalario público galego que conta con esta acreditación, que garante o cumprimento dos procesos cos máximos criterios de calidade e seguridade. Precisamente, grazas aos seus mecanismos de control do seu Sistema de Xestión e Trazabilidade é posible detectar de xeito inmediato calquera alteración nos procedementos”, defende o Chuvi.
Artigos relacionados: Denuncian a suspensión de cirurxías por supostos problemas de esterilización