As peticións seguen a ser os 11 puntos que uniron ao colectivo en toda a xeografía galega hai preto dun ano, con reivindicacións sobre todo asistencias e de equiparación de dereitos ao resto dos colectivos do Sergas: a retirada dos obxectivos da derivación hospitalaria, equipos completos enfermaría-médica, revisión de plans funcionais, valoración de riscos e equipos de protección acorde ao traballo que desenvolvemos ou un cómputo de xornada correcto onde os permisos e as baixas nos compute neutro a efectos de xornada, son algúns dos exemplos.
Segundo datos publicados pola Consellaría, “no ano 2017 atendéronse máis de 1.548.000 urxencias nos 90 PAC de Galiza; 767.000 nos seis primeiros meses de 2018” e resaltan o “alto índice de resolución, de máis do 90% sen necesidade de derivación hospitalaria”. Malia aumentar a actividade asistencial, os sindicatos cren que os PAC non están ben dotados e os equipos sanitarios son mínimos.
“A incompetencia da Xunta na sanidade galega é un problema que non se pode esconder máis. Son numerosos os colectivos de traballadores e usuarios que seguimos denunciando publicamente o estado precario da sanidade nomeadamente en primaria: as listas de espera, os problemas de derivación a consultas de especializada, a falta de medios, a escaseza de persoal contratado ou o material inaxeitado”, denuncia a CIG.
A plataforma nacionalista apunta que a administración, coas súas declaracións de “facemos o que podemos”, recoñece de forma totalmente “irresponsable” o que levamos meses denunciando: que hai unha enorme falta de planificación que se foi paliando grazas a implicación e responsabilidade das traballadores.
“O feito de que o Sergas non convoque o comité de folga, que se nos exclúa das reunións e grupos de traballo de reestruturación en Atención Primaria e que permitan que este conflito se estenda no tempo deixa en evidencia da falta de disposición ou capacidade para resolver os problemas coas traballadores dos PAC”, engaden.