A Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo considera que “se volve á normalidade destes meses de verán” e defende que “cando se produciu a derivación a Lavadores fíxose especial fincapé en que a medida era temporal, para garantir a asistencia sanitaria ante unha situación de paro cero entre os profesionais pediátricos”. O Sergas indica ademais que está a traballar para reverter a decisión.
Nada máis adoptarse a decisión da volta a Navia, a dirección da área sanitaria comunicoullo aos representantes veciñais e tamén se comezou a avisar ás familias que tiñan cita programada para a próxima semana.
Durante este período de tempo, a EOXI de Vigo asegura que “non se produciron incidencias” e o número de menores de Coruxo atendidos no centro de saúde de Lavadores nunca superou os oito ao día, de acordo cos datos rexistrados de consultas pediátricas.
Con todo, os usuarios seguen a ter que desprazarse ata Navia despois de que a praza de Pediatría de Coruxo -que dá servizo ademais a nenos e nenas doutras parroquias colindantes como San Miguel de Oia, Saiáns ou San Andrés de Comesaña- quedara sen cubrir trala xubilación da persoa titular da praza.