De xeito paralelo ao estudo que se está desenvolvendo para determiñar a causa concreta desa alteración do metal, e co obxecto de solventar esta incidencia coa máxima celeridade e no menor tempo posible, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) informou este venres de que os técnicos propuxeron unha actuación global, despregando unha batería de medidas para intervir sobre todos os posibles factores que puideran contribuír á aparición do oxido de aluminio, e solventar así, de xeito definitivo, este suceso.
«A finalidade é reducir o nivel de agresividade do proceso integral de tratamento do material, o que implica actuar sobre mecanismos físicos e químicos, sempre no rango das recomendacións estándar da esterilización. Así, nos próximos dous días -aproveitando que as fins de semana non hai actividade cirúrxica programada- implementaranse as seguintes medidas: retirar o acelerante de secado no túnel de lavado de contedores; reducir a temperatura da auga de lavado; cambiar a tipoloxía de deterxente; e reducir a concentración de deterxente e de humectante», explica o comunicado.
Unha vez introducidos estos cambios, efectuarase un lavado manual de arrastre de todos os contedores. «Para isto, tense reforzado todas as quendas de traballo da Central de Esterilización. Posteriormente, realizarase un lavado no túnel cos novos parámetros prefixados», engade o Sergas antes de explicar que no caso de que, unha vez sometidos a esta hixienización, aínda non reuniran as condicións sanitarias requeridas, procederíase a cambiar todos aqueles que fosen precisos.
En canto á actividade cirúrxica prevista para o próximo luns día 16, o Sergas asegura que mantén toda a programación ordinaria, un total de 108 intervencións (73 en Meixoeiro e 35 no Cunqueiro). «O único cambio introducido na programación foi a substitución da cirurxía ortopédica de pacientes de lista de espera por pacientes con fracturas xa ingresados no hospital, situación que entra na práctica organizativa habitual, de ser necesaria», conclúe.