Para poder participar é necesario estar empadroado nalgún concello da provincia de Pontevedra, ser maior de 50 anos (ter nacido antes do 1 de xaneiro de 1967) e, no caso de ser menores de 50 anos, ter a condición de pensionista, un grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65% ou, ademais, precisar dun respiro familiar (coa acreditación conveniente).
Dentro de Depotermal hai dous tipos de programas. O de asistencia diúrna (que abrangue a asistencia durante cinco días consecutivos, de luns a venres) conta con 1.248 prazas, 248 delas gratuítas e o resto subvencionadas.
Pola outra banda, o programa de réxime completo inclúe un total de 3.186 prazas, 186 delas gratuítas. Esta disciplina, ademais da asistencia aos establecementos durante seis días e cinco noites, inclúe un programa de actividades de animación sociocultural.
Ademais, as persoas en situación ou risco de exclusión social e que están a pasar dificultades económicas que optan ás 434 prazas gratuítas terán preferencia sobre as demais á hora de establecer o reparto das prazas.
DepoTermal desenvolverase nun total de 12 establecementos: Hotel Spa Nuevo Astur, Vilalonga (Sanxenxo), Hotel Spa Via Argentum (Silleda), Hotel Spa Carlos I Silgar (Sanxenxo), Hotel Benestar Spa Moaña, Balneario de Mondariz, Talaso Hotel Oia Baiona, Balneario Hotel Eurostars Illa da Toxa, Balneario de Cuntis, Hotel Spa Norat (O Grove), Hotel Talaso Louxo A Toxa (O Grove) e Gran Talaso Sanxenxo.
Este programa de termalismo ten o obxectivo de fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, a través do acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función como período de vacacións e tratamento sanitario.
Ademais, pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.
Igualmente, promove espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento das persoas maiores e as situacións de soidade que poidan levar á súa vulnerabilidade.