Na actualidade, na área sanitaria viguesa prepárase a enfermeiras en catro disciplinas: Pediatría, Obstetricia e Xinecoloxía, Medicina Familiar e Comunitaria e Saúde Mental. En total, entre as de primeiro e segundo ano, o Chuvi ten 30 persoas recibindo unha formación especializada.
En concreto, ademais das catro enfermeiras que acaban a súa especialización en Pediatría e das catro que están en primeiro ano, hai oito máis en Obstetricia e Xinecoloxía (matronas); catro en Saúde Mental e dez en Enfermería Familiar e Comunitaria.
A acreditación en Pediatría, da que conclúe agora a primeira promoción, obtívose para o Chuvi en 2013, cando o Ministerio de Sanidade autorizou a constitución da Unidade Docente Multiprofesional de Pediatría, cuxo xefe de estudos é o doutor José Ramón Fernández Lorenzo.
A Comisión de Docencia do Hospital Álvaro Cunqueiro solicitou ademais unha quinta acreditación de especialidade en enfermería, concretamente a de Xeriatría, que nestes momentos está pendente da correspondente autorización gobernamental.
Formación
“Todas as enfermeiras que cursan a súa especialidade no Chuvi realizan rotacións nos servizos hospitalarios así como nos centros de Atención Primaria e están a cargo dos titores en cada unha das áreas polas que pasan”, explica a responsable Begoña Dominguez Arias.
Neste tempo desenvolven nos centros sanitarios un programa docente que comprende a asunción tutelada e progresiva de responsabilidade na asistencia ós pacientes, ademais dun completo programa teórico que prevé a participación en diversas actividades científicas como seminarios, sesións ou cursos.
De acordo cos resultados da avaliación das enfermeiras especialistas que conclúen a súa formación, “os traballos finais que presentaron teñen un gran interese tanto polo seu aspecto novo como pola ambición que demostraron á hora de seleccionar os diversos temas de que tratan”, sinala Dominguez Arias.