Con estas novas incorporacións, o Sergas asegura que dá cumprimento ao compromiso adquirido con este centro sanitario de ir incrementando as súas prestacións e recursos na medida que vaia incrementando a poboación asignada ao mesmo. Neste momento, a poboación é de 13.735 usuarios, da que 3.133 é poboación infantil.
Hai pouco máis dun ano iniciouse a xornada de tarde en Navia, o que supuxo unha maior dotación de persoal, cuantificada en once novos profesionais: dous médicos de familia, un pediatra, un odontólogo, un hixienista dental, un fisioterapeuta, tres enfermeiras, un TCAE e un PSX (Persoal de Servizos Xerais).
En total, a día de hoxe, o cadro de persoal de Navia esta composto por 34 profesionais: ocho médicos de familia, tres pediatras, nove profesionais de enfermaría, dous TCAEs, tres fisioterapeutas, unha matrona, dous odontólogos, dous hixienistas dentais e catro PSX.
Atención sanitaria
Estas novas dotacións asistenciais incrementaron considerablemente a calidade prestada á poboación, dada a mellora da accesibilidade horaria ofertada. A ampliación do horario das consultas en xornada de tarde, supón un feito de especial interese sobre todo para a poboación traballadora e escolar.
Outra das vantaxes da xornada de tarde, ademais da realización de consultas ordinarias, é que permite atender as urxencias dos usuarios adscritos no propio centro de saúde, o que representa unha gran mellora cualitativa: a proximidade de domicilio, xa que os pacientes con algunha urxencia non teñen que desprazarse a outros puntos de atención urxente senón que de primeira instancia poden acudir ó seu centro de saúde habitual.
Ademais da actividade asistencial, ordinaria e urxente, tamén poderanse realizar trámites administrativos, como son na cita previa, os cambios de médico, a modificación da tarxeta sanitaria individual ou a xestión do arquivo de historias clínicas.
Quince unidades de saúde bucodental
A area sanitaria de Vigo conta con quince Unidades de Saúde Bucodental nos centros de atención primaria, para facilitar a accesibilidade a este servizo a todas e todos os usuarios. Estas unidades están formadas por médicos especialistas, odontólogos e hixienistas dentais. A saúde bucodental é un aspecto importante da saúde e do benestar xeral da sociedade, e debe considerarse como unha actividade fundamentalmente preventiva incluída na práctica diaria da Atención Primaria.
En concreto, as prestacións existentes en Galicia están dirixidas á poboación infantil de idade pediátrica entre 6 e 14 anos, e tamén ás mulleres xestantes e ao colectivo de adultos en grupo de risco.
Neste senso, os especialistas realizan actividades curativas -tratamento de procesos agudos budocentais incluíndo as extracción de pezas dentarias e obturacións en pezas definitivas (en nenos de 6 14 anos) – e actividades preventivas como selados nos nenos para prever a carie, revisión trimestral e aplicación flúor as embarazas e educación sanitaria en materia de saúde e hixiene bucodental.
As doenzas bucodentais máis frecuentes son a carie dental e a enfermidade periodontal. Ámbalas dúas son susceptibles de prevención coas medidas dispoñibles na actualidade. Ademais, estas enfermidades son máis facilmente tratables nos seus estadios iniciais, polo que é importante garantir as revisións periódicas.