As ‘Aulas Respira’, impulsadas desde a Sociedade Española de Pneumoloxía (SEPAR), son un espazo de formación e intercambio de ideas entre os especialistas en enfermidades respiratorias, os pacientes e os seus coidadores. Nacen co propósito de informar, orientar e resolver as dúbidas sobre esta anomalía, tanto dos propios pacientes como os seus familiares e coidadores.
A creación deste espazo ofrece aos especialistas e ao hospital a posibilidade dun novo enfoque á relación médico-paciente-coidador, dando respostas ás necesidades de información de todos eles, sendo isto especialmente relevante nos pacientes crónicos.
A sesión centrarase na ‘EPOC e actividade física’, xa que os seus doentes, que sofren sensación de afogo ou dispnea acaban abandonando a actividade física cara a unha vida sedentaria, que os afasta e illa da súa contorna social creando a miúdo nos pacientes estados de ansiedade ou depresión.
“A práctica de exercicio físico aínda que sexa dun modo leve ou moderado atrasa o declive da función pulmonar e mellora o estado de saúde xeral do paciente. Tamén ofrece beneficios psicolóxicos tales como unha sensación de benestar xeral e o mantemento de vínculos sociais”, afirma a doutora Cristina Represas, pneumóloga e coordinadora da Aula.
“A sesión vai encamiñada a mellorar os coñecementos sobre a EPOC, mostrar exercicios prácticos para iniciarse na actividade física, compartir experiencias con outros pacientes, identificar e resolver problemas comúns que lle xurdan a estes enfermos, cun formato que facilite a participación activa de todos os asistentes para que expresen as súas inquietudes e dúbidas, rompendo a barreira entre o médico e o paciente”, explica.
É a primeira vez que se programa unha aula como esta no Cunqueiro por parte de Pneumoloxía, “aínda que previamente no Hospital Xeral si se realizou unha sobre outra patoloxía respiratoria; ademais, aínda sen estar encadradas nestas ‘Aulas Respira’, si levamos a cabo actividades formativas para pacientes con motivo do Día Mundial da EPOC en anos anteriores”, subliña Cristina Represas.
Actividade aberta
A sesión será este mércores 6 de abril ás 16:30 horas, na Aula 1 do Hospital Álvaro Cunqueiro e a ela poderán asistir tanto os doentes coma os seus familiares e coidadores. Contará coa participación da doutora Cristina Represas, pneumóloga responsable da consulta de EPOC, Luz Aballe, enfermeira xestora desta consulta, e Ana Priegue, enfermeira de investigación e innovación do Servizo de Pneumoloxía.
Na actualidade, hai en Vigo uns 5.000 pacientes diagnosticados con EPOC. Con todo, estímase que polo menos hai outro número similar de persoas afectadas pero que descoñecen aínda o seu diagnóstico.