Denuncian que o Sergas non está a cubrir as ausencias e sinalan que a falta de persoal está a afectar a un servizo que se encarga de asegurar a asistencia sanitaria da poboación durante as tardes e, fundamentalmente, durante as noites, fins de semana e xornadas festivas.
Os traballadores, a través dun comunicado, poñen exemplos concretos: «O que non explica Sanidade son os motivos dunha falta de efectivos que esta semana volveu deixar descubertos nos reforzos do sábado 21 no PAC do Val Miñor, nos do sábado 21 e domingo 22 no PAC da Guarda, e varias horas o domingo 29 (coincidindo coa festa do peixe espada). Tamén este domingo 29 no PAC de Ponteareas, sendo este reforzado ás 22 horas cunha facultativa que estaba prestando servizo no PAC de Vigo, deixando este con menos persoal. Todo isto xerou varias horas de agarda e, como é obvio, malestar entre os usuarios».
O personal di que a situación é xa insostible e que o Sergas non está a actuar de forma responsable. «Hai uns días este colectivo de sanitarios denunciou nos medios de comunicación a situación, e a Xerencia acusounos de querer crear alarma na poboación. O que non queren ver é que a alarma é real: os PAC levan tempo traballando en mínimos e estanse permitindo descubertos que propiciarán que algo irremediable suceda algún día. Non hai efectivos, e os que quedan estamos esgotados, maltratados e sobrecargados: cremos que non denunciar esta situación é igual de irresponsable que negar a súa existencia», aseguran.
Os profesionais tamén din que a falta de médicos nas listas debese a que «todos os anos un gran número de efectivos abandona a nosa comunidade con mellores ofertas. Outros cambian a sanidade pública pola privada. Estes datos son de sobra coñecidos pero non se fai nada para frealos».
«Temos un gran grupo de facultativos titulares sobrecargados, cansados, escasamente incentivados e continuamente ameazados con recortes en dereitos; e por outro lado, un grupo cada vez máis escaso de médicos substitutos traballando ao límite das súas forzas, con xornadas que literalmente nunca saben cando van rematar e sen posibilidade algunha de planificar a súa vida persoal, obrigados a permanecer pendentes dunha chamada de teléfono que, de malos modos (porque esa é outra das costumes dalgúns responsables da nosa Administración, o absoluto desprezo no trato aos seus traballadores), vainos enviar a traballar a calquera esquina da área no día que crían ter libre. Con estas condicións o lóxico é pensar que a situación só pode ir a peor», sinalan neste comunicado, no que instan ó Sergas a que atope algunha solución.