Basicamente, o programa consiste en seleccionar, a través das matronas e traballadoras sociais da EOXI de Vigo, a aquelas mulleres embarazadas en situación de risco e vulnerabilidade social. Unha vez conformados os grupos será a psicóloga contratada pola Fundación Meniños, Jessica Rodríguez, a que se encarga do desenvolvemento das sesións .
O obxectivo é axudar e realizar un seguimento ás mulleres seleccionadas desde o segundo trimestre do embarazo ata o parto e posteriormente ata que o neno ou a nena alcance os 18 meses de idade, segundo confirma a xefa do servizo de Traballo Social da área sanitaria viguesa, María Jesús Lago.
Trátase dun proxecto de atención prenatal e perinatal dirixido especificamente a xestantes con dificultades sociais, coa finalidade de diminuír as situacións de risco que poidan afectar tanto ás propias proxenitoras como aos seus fillos ou fillas.
“O programa está dirixido a aquelas mulleres embarazadas nas que se detecten determinados factores de vulnerabilidade como estar nun ámbito familiar sometido a situacións de alto estrés, illamento social ou marxinación, consumo de drogas ou condutas antisociais e delituosas, experiencias de malos tratos na infancia ou problemas de saúde mental, entre outros”, explica a psicóloga encargada do programa.
Sesións individuais e en grupo
O plan de traballo divídese en varias etapas. Na primeira delas as sesións son individuais, entre a muller acollida ao plan e a psicóloga. “Nesta primeira fase tentamos coñecer os problemas que poida ter a embarazada e detectar as posibles solucións ou apoios psicolóxicos que se lle poidan facilitar”, subliña Jessica Rodríguez.
Unha vez completada a primeira etapa de sesións individuais e avaliada a situación de risco, pásase a combinar as sesións individuais coas de grupo.
A duración aproximada de cada sesión é de dúas horas semanais. A idea, cando o programa estea máis implantado, é organizar dous grupos diferenciados: un de mulleres en período de xestación e outro coas que xa estean na fase de crianza.
A participación no programa é gratuíta e se enmarca na humanización que está a desenvolver a area sanitaria de Vigo, tal e como se establece na súa Estratexia XXI, e que presta especial atención aos procesos relacionados coa maternidade, o parto e puerperio.