Ademais dunha trintena de relatores de toda España, na presente edición participan oito especialistas internacionais, chegados de Portugal, Suíza, Austria, Brasil, Reino Unido e Estados Unidos.
“Nesta edición preparamos un programa que abarca a case todas as patoloxías e as cirurxías coloproctolóxicas, con especial protagonismo para as novas técnicas cirúrxicas, incluídas as robóticas, e dos manexos multidisciplinares na patoloxía de chan pélvico”, explica o doutor Alberto de San Ildefonso, integrante do comité organizador do evento.
Precisamente a unidade do Chuvi ten en marcha un gabinete de probas funcionais anorrectais no que se realizan estudos de solo pélvico.
700 cirurxías anuais
A Unidade de Coloproctoloxía do complexo hospitalario vigués, que depende do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestivo que dirixe a doutora Raquel Sánchez, conta con dez facultativos especialistas e realiza cirurxías tanto no hospital Álvaro Cunqueiro como no Meixoeiro, dependendo da complexidade de cada unha delas.
No hospital do Meixoeiro lévanse a cabo cirurxías ambulatorias ou de curta estancia postoperatoria, mentres que no Álvaro Cunqueiro realízanse as máis complexas, a maioría delas oncolóxicas.
Os integrantes da Unidade realizan ao longo do ano unhas 700 intervencións, das que 400 son oncolóxicas.