A plataforma SOS Sanidade Pública congregou aos asistentes no PAC da rúa Pizarro ás 20.00 horas para criticar a xestión sanitaria do goberno galego e o «desmantelamento da sanidade pública», desafiando así a chuvia que caeu este serán na cidade olívica.
O acto reivindicativo non foi o único celebrado en Galicia, xa que moitas localidades organizaron de xeito case simultáneo as súas respectivas concentracións de protesta. En Vigo, ademais de reunirse en torno ao PAC situado nos baixos do hospital Xeral, os participantes fixeron un pequeno percorrido rodeando a Praza de España.
Todas estas accións serven de preludio a unha gran manifestación convocada para o vindeiro 4 de febreiro en Santiago de Compostela.
Reacción do Chuvi
Coincidindo coas protestas, o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) emitiu un comunicado no que informou de que a actividade asistencial está a desenvolverse “con normalidade a pesar do alto índice de frecuentación das Urxencias Hospitalarias e da porcentaxe de ingresos urxentes rexistrados nos últimos días como consecuencia da patoloxía respiratoria estacional”.
A día de hoxe, segundo o Chuvi, rexístrase un elevado nivel de ocupación con 1.129 pacientes ingresados, 797 no HAC e 332 no Meixoeiro. Malia todo, afirman que esta elevada demanda de atención está sendo asumida “eficientemente” grazas ao desenvolvemento do Plan de Continxencia fronte a gripe previsto.
“Séguense mantendo os recursos adicionais das últimas semanas, como os reforzos de persoal das unidades con maior demanda e a habilitación das camas hospitalarias necesarias”, precisan fontes sanitarias.