O acordo contempla unha suba salarial total durante o período de vixencia do 5%, con subida do 1,75% para o pasado ano 2017, do 1,50% para o 2018 e do 1,75% para o 2019, con revisión segundo o valor do IPC para os dous últimos anos. Tamén se acordou que, no caso de non ter rematada a negociación do convenio a partires do 1 de xaneiro do 2020, estará garantida a subida salarial segundo a evolución do IPC ata a sinatura dun novo convenio.
Sobre os tres días de libre disposición, recollidos xa no convenio, acordouse cambiar a súa consideración para que pasaran a ser permisos retribuídos e non recuperables, polo que a xornada anual efectiva para as traballadoras e traballadores pasa de 1.770 a 1.749 horas.
No apartado de permisos e licenzas acordouse unha nova redacción para clarificar os permisos retribuídos e non recuperables no caso de nais e pais que teñan que acompañar a unha filla ou fillo menor de idade a unha consulta médica, este permiso será retribuído e non recuperable, en todo caso, para acudir a unha consulta urxente, e até un máximo de 20 horas/ano por filla ou fillo para acudir a unha consulta de especialista.
Tamén se incorporan dous días como permiso retribuído e non recuperable para a traballadora ou traballador que teña que acudir cunha filla ou fillo menor de idade a unha consulta fora da comunidade autónoma.
Débeda pendente
Segundo os sindicatos, este acordo permite compensar as perdas retributivas destes anos, pero aínda “mantén unha débeda importante coas traballadoras e traballadores do sector en aspectos sociais e de melloras retributivas que nesta negociación non se conseguiron incorporar ao convenio”.
As negociacións para o novo convenio do ano 2020 comezarán o 1 de outubro de 2019, polo que as plataformas agardan que “coa determinación e a forza mostrada polas traballadoras e traballadores, consigamos as melloras sociais e retributivas pendentes”.