Segundo informan dende o comité de empresa de Arcasa, concesionaria do servizo de cociña da EOXI de Vigo -hospitais Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña-, o Sergas decidiu abrir de súpeto todas as camas que se atopaban pechadas no Meixoeiro, polo que na actualidade funcionan un total de 272 pero sen reforzar o servizo de cociña con máis persoal.
Deste xeito, as catro camareiras encargadas do reparto de comida víronse “totalmente desbordadas”, ata o punto de que moitos pacientes quedaron sen comer. “Ademais, o novo sistema implantado tras a apertura do Álvaro Cunqueiro provoca que a comida estea conxelada e non dea tempo de rexenerala”, denuncian dende o comité de empresa.
Esta situación fixo que persoas con familiares ingresados optasen por levarlles elas mesmas comida da casa, co conseguinte risco que isto supón para a saúde dos pacientes ao non tratarse dunha dieta controlada. “Moitas persoas ingresadas comeron unicamente iogures ou natillas, que era o único que tiñamos para darlles”, indican.
Con todo, o Sergas saíu ao paso destas acusacións e negou rotundamente os feitos. Fontes sanitarias aseguraron a VIGOÉ que a denuncia sindical é “absolutamente falsa” e que non se rexistrou ningunha incidencia durante o día.
Insultos e descualificacións
Como consecuencia, os traballadores tiveron que aturar todo tipo de queixas e mesmo insultos e descualificacións. Dende a CIG-Servizos lembran que o sistema de comidas implantado pola EOXI de Vigo acumula problemas e queixas dende o principio, como así o puxeron de manifesto primeiro en 2015 tras a introdución do novo sistema e posteriormente en 2016, pouco antes do cambio de empresa concesionaria “por intereses electoralistas do PP”.
Finalmente, sosteñen que o servizo sempre funcionou correctamente no Meixoeiro ata a posta en marcha do novo sistema e unha vez que se fixo cargo a nova concesionaria, Arcasa, “que optou tamén por reducir persoal, o que fai que agora o servizo se atope saturado e non se poida atender a todos os pacientes ingresados”.