«A medida de presión levantouse por volta da unha da tarde, logo de manterse unha tensa xuntanza co Xerente do Sergas, quen se comprometeu a fixar esta semana unha data de reunión co conselleiro nun prazo máximo de 15 días», sinala a central sindical nun comunicado de prensa.
A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, criticou a «pasividade» que está a amosar o Goberno galego ante o proceso de venda de Povisa, malia a repercusión que a actividade deste hospital ten en toda a área sanitaria de Vigo. Por iso, denunciou que non se concretara xa hoxe a data do encontro e advertiu que “agardamos que o conselleiro cumpra co compromiso que nos acaba de transmitir o Xerente, porque do contrario teremos que incrementar as medidas de presión”.
María Xesús Neira, voceira do comité de empresa, lamentou que malia ter solicitada a reunión dende o pasado 8 de outubro “e de vir concentrarnos aquí hai dez días, finalmente tiveramos que facer hoxe esta acción para lograr unha resposta”. Neira salientou que Vázquez Almuíña é o máximo responsábel de Sanidade “e non pode inhibirse ante un tema tan grave. Queremos transmitirlle todos os problemas que temos, todo o que supón a venda e como lle vai afectar aos usuarios e traballadores”.