O equipo chegou ao Hospital do Meixoeiro o día 13 de xaneiro pasado, procedente de Estados Unidos, e dende esa data levouse a cabo un complexo proceso de instalación, calibrado, e posta a punto, xunto coas preceptivas labores de supervisión e visto bo por parte do Consello de Seguridade Nuclear.
Nestes primeiros días de formación realizarase todo o proceso de tratamento con pacientes virtuais para comezar a tratar pacientes reais nos próximos días, coa supervisión dos expertos de Varian, a compañía fabricante. Este programa de formación inclúe tamén aspectos como a validación das imaxes radiográficas, o control de calidade do proceso de tratamento e a optimización dos fluxos de traballo.
Coa a posta en marcha do novo acelerador Clinac iX, a Unidade de Oncoloxía Radioterápica volve dispoñer de catro aceleradores lineais activos para o tratamento do cancro. A Incorporación deste equipo enmárcase no plan de renovación tecnolóxica emprendido polo Sergas a través do denominado socio tecnolóxico, e trátase dun dos equipos de tratamento oncolóxico doados pola Fundación Amancio Ortega. O seu custe foi de máis dun millón e medio de euros.
Este é o terceiro acelerador lineal que se renova no últimos tres anos na Unidade de Oncoloxía Radioterápica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e substitúe a unha maquina que estivo operativa e con excelentes resultados terapéuticos durante máis de 15 anos nese servizo.
O equipo
O novo acelerador vén dotado da última tecnoloxía no tratamento do cancro con radiacións ionizantes, o que lle confire unha extraordinaria exactitude na administración das doses e permítelle afinar ao máximo a radiación en volumes cada vez máis pequenos, sen afectar os tecidos sans circundantes.
Concretamente, o equipo incorpora un sistema de Radioterapia Guiada por Imaxe (IGRT) que facilita unha mellor localización do tumor, ao que tamén contribúe un sistema mecánico máis avanzado e preciso que o anterior.
Ademais, o equipo está provisto dunha tecnoloxía denominada RapidARC, pola cal o acelerador pode emitir radiación mentres o seu cabezal xira ao redor do paciente, adaptando en cada momento o feixe e a dose á posición do tumor; unha característica que contribúe aínda máis se cabe á efectividade, precisión, seguridade e rapidez dos tratamentos.