A secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes Romero, xunto á xefa territorial da Consellería de Sanidade, Ángeles Feijóo-Montenegro, e o director-xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, presentaron en rolda de prensa a campaña que, baixo o lema Recorda, para a gripe temos vacina, estará en marcha durante 9 semanas. Todos eles incidiron na necesidade de concienciar á poboación da importancia de vacinarse. De feito, a xefa territorial de Sanidade explicou que se trata dunha enfermidade que pode ser grave destacando así o dato que inclúe o cartel informativo da campaña de que “no pasado inverno máis de 1.700 galegos ingresaron na pasada tempada de gripe, moitos en coidados intensivos, a maioría non vacinados”.
Na provincia de Pontevedra haberá arredor de 250 puntos de vacinación –uns 150 na área de Vigo-, repartidos entre centros de saúde e consultorios, centros hospitalarios públicos, hospitais e consultas médicas privadas; as residencias e centros para a terceira idade; as unidades asistenciais de drogodependencias; os centros penitenciarios; e os centros de atención a discapacitados.
Cun orzamento de 1.897.688 euros para a presente campaña, Galicia adquiriu 530.000 doses que se distribuirán por máis de 900 puntos de vacinación en toda a Comunidade. Esta adquisición efectuouse mediante un acordo marco co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e outras Comunidades Autónomas españolas, consolidándose así un aforro dos custos. Ao igual que o ano pasado, cóntase cunha web que funciona como portal de información para a sociedade xeral e para os profesionais sanitarios con información técnica, de xestión e de evolución da campaña.
Obxectivos da campaña
Un ano máis, e coma lembrou a xefa territorial, o obxectivo é minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. A vacina da gripe ten un importante beneficio en canto que reduce a incidencia desta enfermidade pero moi especialmente diminúe a frecuencia de complicacións secundarias e, así mesmo, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe nas persoas maiores, con ou sen condicións médicas de risco, e noutras persoas con patoloxías previas.
Doutra banda, como obxectivos específicos, están acadar unha cobertura vacinal do 65% entre a poboación maior de 65 anos e, ao igual que o ano pasado, farase un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario, xa que ademais do beneficio individual para os profesionais redúcense as posibilidades de transmitir a enfermidade ás persoas que coidan ou atenden. Así, entre os traballadores da Atención Primaria e a Atención Especializada o obxectivo de cobertura é do 35% destes profesionais.
Poboación diana
A campaña de vacinación fronte a gripe 2016 destínase a todas as persoas que teñan 60 ou máis anos ou pertenzan a algún grupo de risco, que inclúen ás persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; persoas con enfermidades metabólicas crónicas (diabetes) ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -a partir de 6 meses- con tratamentos prolongados de aspirina; persoas con obesidade mórbida; e mulleres embarazadas.
Tamén se inclúen na poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais de toda a área sanitaria, e tamén ás que desenvolven traballos esenciais para a Comunidade, como policías e bombeiros.
Organización da campaña
Utilizaranse dous tipos de vacina: unha para poboación xeral e outra indicada en poboación maior de 75 anos ou que viva en residencias. Ambas son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras.
Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación habitual, onde lles informarán de como solicitar a cita. A Consellería de Sanidade en Pontevedra reitera á cidadanía que a vacinación durará máis de oito semanas e hai tempo suficiente para facela progresivamente.
Ademais da divulgación de información nos medios de comunicación, dos carteis divulgativos da campaña que se distribuirán nos puntos de vacinación, e da web temática da gripe http://gripe.sergas.gal, continuará en marcha o programa de promoción da vacinación na poboación mediante chamada activa por parte dos profesionais de enfermería de Atención Primaria e amplíase á poboación entre 65 e 74 anos (a campaña anterior foi entre 65 e 70 anos).
Balance da campaña do pasado ano 2015
O balance de datos do pasado ano revela que, na provincia de Pontevedra, administráronse un total de 143.790 doses antigripais, das que 101.299 doses foron destinadas a maiores de 65 anos, acadando unha cobertura do 51%.
Concretamente, na área de Xestión Integrada de Vigo administráronse na campaña de 2015 un total de 83.002 doses antigripais. Destas doses, 57.394 correspondéronse a maiores de 65 anos, polo que se acadou unha cobertura do 50% da poboación diana.
A maiores, a xefa territorial informou do número de ingresos que houbo o pasado ano na EOXI de Vigo por causa da enfermidade chegando o dato a 280 persoas ingresadas do total de 1.700 de toda Galicia. Deses 280, producíronse 22 falecementos estando vacinados soamente un terzo dos ingresados.